A túa seguranza

A túa seguranza é o máis importante en todo o que facemos

Se os teus datos non están seguros, non son privados. Por iso protexemos os servizos de Google, como a Busca, Maps e YouTube, cunha das infraestruturas de seguranza máis avanzadas do mundo.

A encriptación mantén os teus datos privados mentres se transfiren

A encriptación proporciona un nivel superior de seguranza e privacidade aos nosos servizos. Cando envías un correo electrónico, compartes un vídeo, visitas un sitio web ou almacenas fotos, os datos que creas transfírense entre o teu dispositivo, os servizos de Google e os nosos centros de datos. Protexémolos con varias capas de seguranza que inclúen as mellores tecnoloxías de encriptación, como HTTPS e Transport Layer Security.

A nosa infraestrutura na nube protexe os teus datos permanentemente

Desde os centros de datos personalizados ata os cables de fibra submarinos que permiten transferir datos entre os continentes, Google utiliza unha das infraestruturas da nube máis seguras e fiables do mundo. Ademais, supervísase continuamente para protexer os teus datos e permitir que estean dispoñibles cando os necesites. De feito, distribuímos os datos en varios centros, polo que en caso de incendio ou catástrofe, poden enviarse de xeito automático e sen problemas a localizacións estables e seguras.

Dispoñemos dun sistema de detección de ameazas que protexe os nosos servizos

Supervisamos continuamente os nosos servizos e a infraestrutura subxacente para protexelos contra ameazas como o spam, o software malicioso, os virus e outras formas de código prexudicial.

Non permitimos que os gobernos accedan directamente aos teus datos

Que quede claro que nunca outorgamos acceso mediante "portas traseiras" aos teus datos nin aos servidores que os almacenan. Isto implica que ningún organismo gobernamental, sexa dos Estados Unidos ou doutro lugar, pode acceder directamente á información dos usuarios. Ás veces recibimos solicitudes por parte das forzas de seguranza para acceder aos datos dos usuarios. O noso equipo legal revísaas e rexéitaas se piden acceso a demasiados datos ou non seguen o proceso correcto. Esforzámonos moito para aclarar todos os aspectos relacionados con estas solicitudes de datos no noso Informe de transparencia.

A encriptación aparece en parte da torre Eiffel

A encriptación de Gmail mantén a privacidade dos correos electrónicos

Desde o primeiro día, Gmail é compatible con conexións encriptadas, polo que é máis difícil que as persoas con malas intencións vexan o que envías. Gmail tamén ofrece avisos sobre posibles riscos de seguranza, como cando recibes un correo electrónico que non se enviou mediante unha conexión encriptada.

Un sobre dun correo electrónico de Gmail sae dun símbolo de advertencia dun escáner de seguranza

A protección contra o spam de Gmail filtra os correos electrónicos sospeitosos

Moitos ataques de software malicioso e de suplantación de identidade comezan cun correo electrónico. A seguranza de Gmail protéxete contra o spam, a suplantación de identidade e o software malicioso mellor que calquera outro servizo de correo electrónico. Gmail analiza os padróns que seguen miles de millóns de mensaxes para identificar as características dos correos electrónicos que os usuarios marcan como spam e utilízaos para bloquear os correos electrónicos sospeitosos ou perigosos mesmo antes de que os recibas. Para colaborar, cando recibas correos electrónicos sospeitosos utiliza a opción Informar de spam.

A aprendizaxe automática e a intelixencia artificial permiten que o filtro de spam de Gmail sexa máis preciso ca nunca. Agora evita que entre na túa caixa de entrada o 99,9 % do spam.

O navegador Chrome coa barra de progreso dunha actualización de seguranza

Chrome actualiza automaticamente a seguranza do teu navegador

As tecnoloxías da seguranza evolucionan constantemente, polo que é necesario estar ao día para protexerse. Por iso, Chrome comproba frecuentemente se tes a versión do navegador máis actualizada, que inclúe a últimas melloras de seguranza, as proteccións máis recentes contra o software malicioso e os sitios enganosos e moito máis. Chrome actualízase automaticamente para que dispoñas sempre da última tecnoloxía de seguranza de Chrome.

Unha aplicación perigosa cóase no dispositivo

Google Play afasta do teu teléfono as aplicacións potencialmente nocivas

Unha das vulnerabilidades de seguranza máis importantes do teu dispositivo pode proceder das aplicacións que instales nel. O noso sistema de detección marca as aplicacións potencialmente perigosas antes de que cheguen a Play Store. Se non sabemos se unha aplicación é segura, os membros do equipo de seguranza de Android revísana manualmente. A medida que refinamos o noso sistema de detección, avaliamos de novo as aplicacións que xa están en Google Play e eliminamos as que poidan ser perigosas para que non cheguen ao teu dispositivo.

Google bloquea anuncios maliciosos e enganosos

A túa experiencia online pódese ver estragada por anuncios que conteñan software malicioso, oculten o contido que tentas ver, promovan falsificacións ou infrinxan dalgunha outra forma as nosas políticas publicitarias. Tomamos este problema moi en serio. Cada ano, os nosos revisores e o noso sofisticado software bloquean case mil millóns destes anuncios. Tamén che proporcionamos ferramentas que che permiten denunciar anuncios ofensivos e controlar os tipos de anuncios que se che mostran. Ademais, publicamos periodicamente as nosas estatísticas e prácticas recomendadas para que Internet sexa máis segura para todos.

Os mellores consellos para axudarche a manter a protección en liña

Mantén protexidas as túas contas en liña e os datos persoais con estes consellos rápidos.

  • Protexe os teus dispositivos

  • Evita os intentos de suplantación de identidade

  • Navega por Internet de forma segura

Escudo de seguranza de Google e lista de comprobación

Crea contrasinais seguros

Se queres protexer as contas en liña, o máis importanté é crear un contrasinal forte e seguro. Para a súa creación podes usar unha serie de palabras que non esquezas e que outras persoas dificilmente poidan adiviñar. Tamén podes utilizar unha frase longa e crear un contrasinal coas primeiras letras de cada palabra. Para que o contrasinal sexa aínda máis seguro, utiliza polo menos 8 caracteres, xa que canto máis longo sexa, será máis fiable.

Se debes crear respostas a preguntas de seguranza, utiliza respostas falsas para que sexan aínda máis difíciles de adiviñar.

Nunca utilices o mesmo contrasinal dúas veces

Utiliza contrasinais únicos para cada conta

Utilizar o mesmo contrasinal para iniciar sesión en varias contas, como a conta de Google, os perfís das redes sociais e os sitios web de venda polo miúdo, aumenta o risco de seguranza. É como se utilizases a mesma chave para pechar a casa, o coche e a oficina. Se alguén consigue acceder a un destes lugares, os demais poderían verse comprometidos.

Realiza un seguimento de varios contrasinais

Un xestor de contrasinais, como Google Smart Lock no navegador Chrome, axúdache a protexer os contrasinais e a facer un seguimento deles para todas as túas contas en liña. Tamén pode facer un seguimento das respostas ás túas preguntas de seguranza e xerar contrasinais aleatorios para ti.

Deféndete contra os piratas informáticos coa verificación en dous pasos

A verificación en dous pasos axuda a manter afastada a calquera persoa que non deba ter acceso á túa conta. Para facelo, require o uso dun factor secundario ademais do teu nome de usuario e o teu contrasinal a fin de iniciar sesión na túa conta. Con Google, por exemplo, pode tratarse dun código de seis díxitos creado pola aplicación Google Authenticator ou dunha solicitude da aplicación Google para aceptar o inicio de sesión desde un dispositivo de confianza.

Para conseguir unha maior protección contra a suplantación de identidade, podes utilizar una chave de seguranza física que se insire no porto USB do ordenador ou se conecta ao teu dispositivo móbil a través de NFC (Near Field Communication) ou Bluetooth.

Mantén o software actualizado

Para protexerte das vulnerabilidades de seguranza, utiliza sempre un software actualizado no sistema operativo do navegador web, os complementos ou os editores de documentos. Cando recibas as notificacións para actualizar o software, faino o antes posible.

Revisa o software que utilizas de forma habitual para asegurarte de que usas sempre as últimas versións dispoñibles. Algúns servizos, como o navegador Chrome, actualizaranse automaticamente.

Utiliza un bloqueo de pantalla

Se non utilizas o ordenador, portátil, tableta ou teléfono, bloquea a pantalla para evitar que outras persoas accedan ao teu dispositivo. Para conseguir máis seguranza, define o bloqueo automático do dispositivo cando se poña en modo de suspensión.

Bloquea o teléfono se o perdes

En caso de que perdas o teléfono ou cho rouben, para protexer rapidamente os teus datos cuns cantos pasos, accede a A miña conta e selecciona Atopa o teu teléfono. Se tes un dispositivo Android ou iOS, podes localizalo e bloquealo de forma remota para que ninguén poida utilizalo e acceder á túa información persoal.

O navegador mostra contrasinais protexidos en Chrome

Mantén as aplicacións potencialmente prexudiciais afastadas do teu teléfono

Descarga sempre as aplicacións para móbiles desde unha fonte na que confíes. Para axudar a manter os dispositivos Android protexidos, Google Play Protect leva a cabo unha comprobación de seguranza nas aplicacións de Google Play Store antes de que as descargues. Ademais, comproba periodicamente o teu dispositivo para ver se hai aplicacións potencialmente daniñas procedentes doutras fontes.

Para manter os teus datos protexidos:

  • Revisa as túas aplicacións e elimina as que non utilices
  • Accede á configuración da tenda de aplicacións e activa as actualizacións automáticas
  • Proporciona acceso aos datos confidenciais, como a localización ou as fotos, só ás aplicacións nas que confíes

Coidado coas trampas realizadas por correo electrónico, os premios falsos e os agasallos

As mensaxes procedentes de descoñecidos sempre son sospeitosas, especialmente se o seu contido é demasiado bo para ser certo. Por exemplo, se te informan de que gañaches algo, che ofrecen premios por completar unha enquisa ou promoven formas rápidas de gañar diñeiro. Nunca fagas clic en ligazóns sospeitosas nin introduzas información persoal en formularios e enquisas cuestionables.

Ten coidado coas solicitudes de información persoal

Non respondas correos electrónicos sospeitosos, mensaxes instantáneas nin ventás emerxentes que soliciten información persoal, como contrasinais, números de tarxetas ou de contas bancarias, ou a túa data de nacemento. Aínda que a mensaxe proceda dun sitio no que confíes, como o teu banco, nunca fagas clic na ligazón nin envíes unha mensaxe de resposta. É mellor acceder directamente á aplicación ou sitio web para iniciar sesión na túa conta.

Lembra o seguinte: Os sitios e servizos lexítimos non enviarán mensaxes solicitando que indiques contrasinais ou información financeira por correo electrónico.

Ten coidado cos suplantadores de identidade

Se alguén que coñeces che envía correos electrónicos, pero as mensaxes son algo raras, é posible que a súa conta fose pirateada.

Ten coidado con:

  • Solicitudes urxentes de diñeiro
  • Unha persoa que reclama que foi abandonada noutro país
  • Unha persoa que di que lle roubaron o teléfono e non pode recibir chamadas

Non responsas á mensaxe nin fagas clic en ningunha ligazón, a menos que poidas confirmar que o correo electrónico é lexítimo.

Verifica os ficheiros antes de descargalos

Algúns ataques de suplantación de identidade sofisticados pódense producir a través de documentos e anexos de PDF infectados. Se detectas un anexo sospeitoso, utiliza Chrome ou Google Drive para abrilo de forma segura e reducir o risco de infectar o teu dispositivo. Se detectamos un virus, mostrarémosche unha advertencia.

Utiliza redes seguras

Ten coidado co uso de redes wifi públicas e gratuítas, mesmo coas que requiren contrasinal. Cando te conectas a unha rede pública, calquera persoa situada cerca pode controlar a túa actividade de Internet, como os sitios web que visitas e a información que escribes neles. Se a túa única opción é a unha wifi pública ou gratuíta, presta atención ao navegador Chrome que che indicará se un sitio é seguro a través da barra de enderezos.

Busca conexións seguras antes de introducir información confidencial

Cando navegues pola web, especialmente se tes intención de introducir información confidencial, como un contrasinal ou datos da tarxeta de crédito, asegúrate de que a conexión dos sitios que visitas é segura. Un URL seguro empeza por HTTPS. O navegador Chrome mostrará unha icona verde completamente bloqueada no campo do URL e indicará Seguro. Se non é seguro, indicará Non seguro. O protocolo HTTPS axúdache a navegar de modo seguro e protexe a conexión do navegador ou da aplicación cos sitios web que visitas.