Internet máis segura

Contribuímos a que Internet sexa máis segura para todos

Levamos moito tempo desenvolvendo unha tecnoloxía de seguranza que beneficie non só aos nosos usuarios, senón aos de toda Internet. Cando creamos tecnoloxía para protexer os nosos servizos, compartímola para que todo o mundo se beneficie. Dado que as ameazas cambian co tempo, as nosas medidas flexibles e de vangarda despexan o camiño para que o sigan outras empresas.

Navegación segura que non só protexe os usuarios de Chrome

Ao principio desenvolvemos a nosa tecnoloxía Navegación segura para protexer os usuarios de Chrome contra o software malicioso e os intentos de suplantación de identidade mediante un aviso que se mostraba cando tentaban acceder a sitios web perigosos. Para que Internet fose máis segura para todo o mundo, liberamos esta tecnoloxía co fin de que outras empresas a usasen nos seus navegadores, como Apple Safari e Mozilla Firefox. Actualmente, a metade dos usuarios de Internet de todo o mundo están protexidos grazas á tecnoloxía Navegación segura.

Tamén avisamos aos propietarios dos sitios web cando os seus sitios teñen problemas de seguranza e ofrecémoslles ferramentas gratuítas para que poidan solucionalos rapidamente. Ao seguir compartindo as innovacións tecnolóxicas en materia de seguranza a medida que as desenvolvemos, contribuímos a que Internet sexa máis segura para todos.

Utilizamos HTTPS para protexerte cando navegas por Internet

Ao conectarte aos nosos servizos mediante a encriptación HTTPS, estás protexido contra as miradas indiscretas e os piratas informáticos con malas intencións para que vexas só o contido que queres onde prefiras. Para incitar os sitios web a utilizar esta medida de seguranza adicional, fixemos que a encriptación HTTPS fose un dos aspectos que analiza o algoritmo da Busca de Google ao xerar o ránking de sitios web que se mostra nos resultados da busca.

Ofrecemos recompensas de seguranza por descubrir vulnerabilidades

Google crea programas de recompensas de seguranza que pagan a investigadores independentes por encontrar vulnerabilidades de seguranza nos nosos servizos e corrixilas. Todos os anos outorgamos varios millóns de dólares en subvencións para a investigación e recompensas polo descubrimento de erros. Actualmente hai programas de recompensas de seguranza en moitos produtos de Google, como Chrome e Android.

Poñemos as nosas ferramentas de seguranza á disposición dos programadores

Se cremos que a nosa tecnoloxía de seguranza pode ser útil para os demais, compartímola. Por exemplo, o escáner de seguranza de Google Cloud está dispoñible para que calquera programador poida escanear e analizar as súas aplicacións web en App Engine e detectar vulnerabilidades de seguranza.

Compartimos os datos das nosas iniciativas para promover unha Internet máis segura

Desde 2010, Google publica o Informe de transparencia, que contén estatísticas sobre aspectos como eliminacións por infracción de copyright, solicitudes gobernamentais de datos de usuarios e iniciativas de seguranza como Navegación segura. Tamén compartimos datos sobre a adopción da encriptación de sitios web e correo electrónico no sector. Non só o facemos para compartir os nosos avances cos usuarios, senón para incitar outras empresas a utilizar estándares de seguranza máis sólidos que permitan que todos teñamos unha Internet máis segura.